Thursday 25 de April de 2024

A Deputación da Coruña aposta por Santiago de Compostela como “cidade de festivais” na presentación do Wos


O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou a aposta de Santiago de Compostela como “cidade de festivais” na presentación do Wos Festival x Son Estrella Galicia que se desenvolverá do mércores 11 ao domingo 15 de setembro. Couto fixo fincapé en que a Deputación está á cabeza das institucións que apoian a organización dos festivais no territorio da Coruña.

“Santiago de Compostela é, sen dúbida, cidade de cultura e, en especial, cidade de festivais, esas plataformas singulares de promoción cultural e de busca de novos públicos e difusión da creatividade cultural. Santiago é tamén cidade histórica mais con proxección ao futuro, contemporánea, actual e audaz en propostas e iniciativas”, sinalou Xurxo Couto que participou na presentación en rolda de prensa do programa que se desenvolveu no Pazo de Raxoi e na que tamén interviron nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi coa participación de Mercedes Rosón, Concelleira de Acción Cultural e Tenente Alcalde en representación do Concello de Santiago de Compostela; Jacobo Sutil en representación de AGADIC; Anxo M. Lorenzo Suárez, Director Xeral de Políticas Culturais en representación da Cidade da Cultura; Víctor Mantiñán, responsable de Patrocinios Música en representación de SON Estrella Galicia e Iván Arias, director da axencia Work On Sunday.

Na súa intervención Xurxo Couto resaltou o apoio da Deputación da Coruña á programación cultural da capital galega e, de maneira especial aos festivais que botan a andar neste fin de verán e anuncian o intenso outono cultural de Santiago. Destacou o deputado que, ademais do apoio directo á programación cultural, a Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros ás dúas liñas de axuda en concorrencia competitiva para festivais organizados por concellos e entidades o que a sitúa “á cabeza das institucións que apoian estes eventos como maneira extraordinaria para a difusión da cultura, para a dinamización do sector e para sermos referentes tamén no ámbito do turismo cultural”.

Neste conxunto de festivais apoiados pola Deputación da Coruña, o Wos ten, segundo o deputado Xurxo Couto, “un singular e merecido espazo por varias razóns e unha delas é precisamente a súa audacia, a capacidade de artellar un programa con propostas experimentais, na Compostela máis contemporánea que continúa o tránsito pola historia na súa condición de cidade cultural, época tras época”.

Ademais, lembrou que o Wos forma parte do catálogo de Boas Prácticas da Xestión Cultural elaborado conxuntamente pola propia Deputación e a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, o que fai que sexa unha iniciativa de especial interese no sector.

WOS Festival x SON Estrela Galicia volverá situar Santiago de Compostela no corazón da exploración contemporánea e a creatividade de vangarda entre o mércores 11 e o domingo 15 de setembro, enchendo durante cinco xornadas a cidade con preto de medio centenar de actividades.

O cartel troncal de música e artes visuais e tecnolóxicas desta edición inclúe nomes destacados como Loscil, Drew McDowall, Holly Herndon, Rafael Anton Irisarri, Plaid, Amnesia Scanner ou Gazelle Twin, entre outros. Ademais, catro subprogramas complementan o cartel musical do evento: un programa de paneis de discusión e encontros con artistas de acceso gratuíto, un ciclo de cinema en torno á arte sonora e a exploración musical, dúas noites de club, e un evento orientado a mostrar o traballo de artistas galegos destacados no campo da creación contemporánea.